O pasado 18 de setembro, a Fundación Bretal e o estudo galego Rodríguez + Pintos Arquitectos presentaron oficialmente o proxecto de restauración, rehabilitación e ampliación do Real Mosteiro de Oia. O evento, celebrado no Auditorio da sede de Afundación Vigo, reuniu a expertos e público interesado na recuperación deste icónico monumento cisterciense, cuxa relevancia histórica e arquitectónica convérteo nun referente do patrimonio galego.
A presentación foi liderada por Santiago Pintos, socio fundador do estudo Rodríguez + Pintos Arquitectos, quen expuxo os detalles técnicos e artísticos do proxecto. O arquitecto explicou que, tras case vinte anos de traballo e estudos, a intervención pretende dar continuidade ás grandes transformacións que o Mosteiro experimentou ao longo dos séculos XII, XV e XVIII, cun enfoque na sustentabilidade económica, social e ambiental. “É un lugar cunha atmosfera tan potente que só queda entendela e respectala”, afirmou Pintos, destacando a responsabilidade de preservar a esencia do Mosteiro á vez que se lle dá un novo uso.
O proxecto é un fito para a arquitectura galega pola súa complexidade e magnitude, abarcando a conservación e modernización de espazos emblemáticos do mosteiro. Esta restauración marca o inicio dunha nova etapa para o monumento, que despois de tres séculos volve ser obxecto dunha intervención arquitectónica de gran envergadura. Ademais de Pintos, participaron no acto Sarah Barbará, responsable da dinamización cultural do Real Mosteiro de Oia, e Xoán Martínez, director do mosteiro, quen explicou como a rehabilitación permitirá integrar mellor o monumento na súa contorna e garantir a súa conservación para futuras xeracións.
Este proxecto foi impulsado polo compromiso de MARE coa preservación do patrimonio desde que adquiriu o Mosteiro fai vinte anos, e a súa culminación está prevista para cando se obteña a licenza municipal definitiva.
A presentación en Vigo foi un momento clave dentro do programa de actividades organizado en torno ao Mosteiro de Oia, pero o foco principal estivo nos detalles desta ambiciosa restauración, que representa un antes e un despois na historia do monumento.
Podes ver o vídeo resumen da presentación do proxecto pulsando aquí.