A FUNDACION BRETAL PRESENTA O SEU PRIMEIRO DOCUMENTAL: UN MOSTEIRO, UN FOGAR

Un proxecto audiovisual producido pola Fundación Bretal e dirixido por Cristina da Torre, que busca salvagardar a historia do Mosteiro dende a Desamortización de Mendizábal ata os nosos días, 150 anos de historia contados polas familias que o habitaron.

O equipo de produción destaca que esta etapa é a menos coñecida e da que menos documentación existe, por tanto unha historia que depende da memoria das persoas que viviron eses momentos e que aínda están entre nós. Unha historia que non debe perderse e que desde o Mosteiro de Oia, e a través do impulso da Fundación Bretal decidiuse producir e compartir coa sociedade.

O documental presentouse o sábado 23 de setembro no refectorio do Mosteiro, cun pase premier ás 17h da tarde e dous pases máis, todos gratuítos, ás 18:00h e 18:45h. Despois do primeiro pase, celebrouse un coloquio entre o máximo responsable do Mosteiro de Oia Xoán Martínez, e a directora do documental Cristina da Torre, onde se profundou tanto nas motivacións deste traballo como na parte máis técnica e de produción. Entre outras cousas, comentouse algo que fai especial a esta peza audiovisual, e é que non conta con actores profesionais, senón coas persoas que viviron en primeira persoa estas etapas, desde que os monxes abandonaron o Mosteiro ata hoxe.

Unha iniciativa máis da Fundación Bretal, que continúa promovendo e dinamizando a cultura galega esta vez cunha peza que, sen dúbida, seguirá escribindo a historia do Mosteiro.