ACOMPAÑADA DA SÚA FAMILIA, AMIGOS E DESTACADAS FIGURAS DA CULTURA GALEGA.
Nun conmovedor acto celebrado no xardín do claustro do Real Mosteiro de Oia, rendeuse homenaxe á destacada historiadora Carmen Manso Porto outorgándolle o V Recoñecemento Mosteiro de Oia. Este acto tivo como obxectivo destacar e celebrar o labor, dedicación e contribución significativa de Carmen Manso ao único mosteiro do Císter ás beiras do Océano.
Manso é Doutora en Historia da arte e unha eminente figura no campo da investigación. Ostenta o título de académica na Academia de Auriense-Mindoniense San Rosendo, da Real Academia Galega de Belas Artes e da Real Academia da Historia, entre outros. Nesta última institución, Carmen Manso desempeña un papel fundamental como responsable da Sección de Cartografía e Artes Gráficas da Biblioteca desde 1986. Cun doutoramento obtido na Universidade Complutense de Madrid, as súas principais áreas de investigación abarcan desde a arte medieval ata a evolución das ordes mendicantes.
A pesar de residir en Madrid desde hai décadas, Carmen Manso sempre mantivo un forte vínculo coa súa terra natal, Galicia.
O acto comezou cunha delicada peza musical interpretada por Samuel Diz, guitarrista clásico, investigador e gran amigo de Carmen. Durante o evento, destacouse a estreita relación de Carmen Manso co mosteiro, debido a que foi a autora dun estudo histórico- artístico do edificio realizado en 1999, que serviu de base para investigacións posteriores que hoxe permiten un gran coñecemento do complexo monástico.
Carmen Manso agradeceu con moito agarimo ao Mosteiro de Oia este Recoñecemento, e percorreu coas súas palabras aqueles anos de investigación que tanto gozou coa súa familia entre os muros do cenobio, onde puido vivir momentos que hoxe son recordos inesquecibles. Ademais, recoñeceu o incansable labor da actual propiedade por continuar dando vida ao Mosteiro a través da dinamización cultural, promovida pola Fundación Bretal, e trasladou os seus mellores desexos para o proxecto hostaleiro.
O Mosteiro de Oia quixo, así, expresar publicamente o seu agradecemento a Carmen Manso polo seu meticuloso traballo e dedicación incansable. Ademais, recoñeceuse e púxose en valor a multitude de investigacións que enriquecen a súa extensa traxectoria profesional.
Este V Recoñecemento dá continuidade a unha serie de homenaxes a figuras destacadas que a precederon. O primeiro galardón outorgouse a Joan Salvador, último sobrevivente dos que foron presos no mosteiro cando foi cárcere durante a Guerra Civil. Posteriormente os homenaxeados foron: Fernando Javier Costas Goberna, pola súa longa carreira dedicada á investigación e posta en valor da historia de Oia; Grato Amor e Carlos del Río, este último a título póstumo, pola súa investigación e contribución documentando o Camiño de Santiago Portugués da Costa; e, por último, a Maxín Picallo, polo seu destacado labor como escultor, vivindo en Oia unha etapa destacada da súa traxectoria.
A actividade cultural do mosteiro non se detén, e o vindeiro sábado 28 de outubro proxectarase no centro de Vigo, no MARCO Vigo, o documental que narra os últimos 150 anos da historia do cenobio, , cando o mosteiro foi fogar, contado polas protagonistas que o habitaron durante esta etapa da súa historia.
A cerimonia de recoñecemento a Carmen Manso representa un fito importante do Mosteiro de Oia, que continúa promovendo a riqueza cultural e o legado histórico. A proxección do documental o vindeiro sábado promete ser outro emocionante capítulo na historia viva deste Mosteiro.