Lamentamos comunicar que debemos aprazar a obra, prevista inicialmente para o 11 de setembro. A nova data será o domingo 26 de setembro, haberá 3 únicas funcións pola tarde con capacidade para 30 persoas da peza dirixida por AveLina Pérez.
O Mosteiro de Oia será o escenario de ECO, unha exclusiva peza dramática, dirixida por AveLina Pérez, en coprodución co Centro Dramático Galego, con composición musical de Ramón Raíndo, iluminación escénica de Beatriz de Vega, fotografía de Martín Pol e montaxe de vídeo a cargo de Jesús Tejada.
Nela, recupérase a memoria do Mosteiro, que foi campo de concentración durante A Guerra Civil española. O relato de ECO constrúese sobre as mensaxes que os presos deixaron nas súas paredes, palabras e debuxos nos que reflectiron malestares, medos e desexos, para converterse nunha homenaxe para todos os que o viviron.
O domingo 26 de setembro haberá 3 únicas funcións pola tarde, ás 16:30, ás 18:00 e ás 19:30. Xa está habilitada a venda de entradas por un prezo de 6€ a través do email info@mosteirodeoia.com. A capacidade por función está limitada a 30 persoas, facendo destas obras un espectáculo íntimo e cumprindo con todas as medidas de seguridade.
Ademais, a entrada inclúe o acceso á exposición permanente ‘Os presos do Mosteiro, Memorias da Guerra Civil Española’, un dos traballos máis importantes en Galicia para a recuperación da memoria histórica, onde foron recuperados máis de 100 fragmentos, que actualmente están expostos nunha das salas monumentais do edificio.